Nestes Algoritmos non hai trama, senón unha variada galería de personaxes, lecturas e rememoracións, máis ben pretendidas intimidades intelectuais. Non son un dietarios, nin tan sequera unha compilación, senón unha secuencia de ideas acoutadas entre 2011 e 2018. Felizmente inclasificábeis, como tantos outros textos de Xavier Queipo, estes algoritmos reflicten dalgún xeito que son os propios algoritmos a ideoloxía dominante neste tempo de dúbidas e incertezas, que temos que apandar con eles, coñecelos e dominalos, mesmo para seguir exercendo o oficio de escribir. “Un exercicio de análise, de pensar fóra da norma, de expresar ideas e sentimentos con estas notas heteróclitas, aloucadas ás veces e excesivamente racionais outras, para construír o meu relato”, que diría Queipo.
Francisco Xavier Vázquez Álvarez, coñecido como Xavier Queipo, nado en Santiago de Compostela o 9 de decembro de 1957, é un biólogo e escritor galego.
Licenciado en Bioloxía (1979) e Medicina e Cirurxía (1982) pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1989 vive e traballa en Bruxelas. Colaborou no portal web Vieiros, na Revista das Letras e no semanario A Nosa Terra, e, na actualidade, na revista Grial. Mantivo unha columna de opinión semanal no programa da Radio Galega Diario Cultural. En 2011 gañou o Premio Xerais coa novela Extramunde e en 2015 o Premio Blanco Amor con Os kowa.
A miña cualificación non é debida á calidade intrínseca do libro, senón a unha valoración moi persoal miña. Non me interesou. Quizais porque con anterioridade non lera nada deste autor, e este libro chegou a min case por casualidade: foi un agasallo. É moi posible que por iso non gostara del: ao non coñecer previamente a Xavier Queipo, ler as súas anotacións, as súa ideas, as súas opinións, non tivo suficiente atractivo para min. Porén, isto non significa que non estea ben escrito, ao contrario, non por isto vou deixar de ler nada seu de caer nas miñas mans.